O COPG celebra as XVIII Xornadas de Psicoloxía Clínica “A ausencia: Clínica do rural mariñeiro galego”

Noticias de Interés General

O COPG celebra as XVIII Xornadas de Psicoloxía Clínica “A ausencia: Clínica do rural mariñeiro galego”

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2013.- O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza para os días 15 e 16 de novembro as XVIII Xornadas de Psicoloxía Clínica. Nesta edición o eixo do encontro será “A ausencia: Clínica do rural mariñeiro galego”.

As xornadas, que se celebrarán no Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, en Ares, van supoñer unha oportunidade para revisar as demandas asistenciais propias do contorno rural e mariñeiro galego. Con esta finalidade, trataranse aspectos esenciais do modo de vida e de traballo que teñen influencia na maneira particular de experimentar e expresar os problemas de saúde nese contexto: a perda, o suicidio, os ausentes, a estrutura e relacións, o baleiro e a crise. É polo tanto un obxectivo fundamental facer un achegamento á problemática psicolóxica desde unha perspectiva comunitaria.

Esta iniciativa impulsada polo COPG está recoñecida como unha Actividade de Interese Sanitario por parte da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia. Vai dirixida a psicólogos colexiados, estean en activo ou non; estudantes de Psicoloxía e outros profesionais interesados na temática a tratar. A inscrición farase a través do Colexio.

Os expertos encargados de impartir as conferencias e moderar as mesas de debate centraranse nos seguintes temas:

· Análise do proceso de loito nos casos de suicidio.

· Exposición de técnicas psicolóxicas de intervención en trauma e dó, tendo en conta as manifestacións propias do contexto.

· Profundización, desde unha perspectiva multidisciplinar, de aspectos relativos a emigración, campaña de pesca e cuestións antropolóxicas relacionadas.

· Implicacións clínicas das particularidades da estrutura e das relacións familiares características do rural mariñeiro.

· Coñecer proxectos que faciliten a análise da influencia da situación económica actual na perda do benestar emocional e que orienten a práctica clínica no momento presente, tendo en conta a perspectiva socioeconómica.

Fóra de programa tratarase, pola súa relevancia, o tema da intervención psicolóxica por parte do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) no accidente do tren Alvia en Angrois.

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org