O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia rexeita a LOMCE por considerala discriminatoria e negativa para o alumnado.

Noticias de Interés General

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia rexeita a LOMCE por considerala discriminatoria e negativa para o alumnado.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2013. O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) amosa o seu total desacordo coa recén aprobada lei de Educación LOMCE. As psicólogas e psicólogos educativos consideran que a LOMCE atenta contra un ensino público de todos e para todos, que debe sustentarse nuns principios básicos fundamentados na atención á diversidade do alumnado.

As diferenzas sociais, lingüísticas, de raza, de crenzas e de cultura, enriquécenos como persoas. Contrariamente, a LOMCE permite o segregacionismo do alumnado ata por razón de xénero, salvagardando os concertos económicos cos centros privados que o practican. A nova lei non respecta a pluralidade, recortando ademais a porcentaxe para fixar os currículos nas comunidades, rebaixando ese espazo de autonomía que representa o ensino da lingua galega.

O COPG lembra que a estruturación dun sistema educativo debe estar ao servizo dun alumnado con distintas capacidades, intereses, motivacións e expectativas. Coa LOMCE isto trúncase, xa que as alumnas e alumnos deben escoller o itinerario a seguir antes de contar cunha formación básica que lles permita tomar esa decisión dun xeito responsable e non excluínte.

As psicólogas e psicólogos educativos tamén rexeitan o novo sistema de reválidas e probas externas aos centros. Unha porcentaxe do alumnado non superará o acceso ao seguinte nivel, co cal quedará excluído do sistema ou relegado a un grupo con grave risco de abandono escolar e sairá ao mercado laboral cunhas baixas ou mínimas competencias e habilidades.

Cando perseguimos unha sociedade democrática o noso sistema educativo deberá reflectilo. Pero na LOMCE o poder concéntrase na figura do director, relegando a un papel secundario os órganos colexiados nos que a participación de toda a comunidade educativa non ten cabida.

O COPG rexeita aquelas leis discriminatorias e a excelencia cun son excluínte. Débese apostar por unha mellora do sistema público con medidas que permitan un ensino de calidade: diminuír a ratio por aula, máis profesorado que imparta clases da súa especialidade e unha verdadeira integración do alumnado con necesidades educativas especiais, xa que nunca existiron os dispositivos, materiais ou persoal que fixera realidade o tan contraditorio lema de que todos os centros públicos son de integración. 

A excelencia está no ensino mesmo cunha boa praxe e iso foméntase desde a nosa responsabilidade como profesionais.

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org

Â