Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2013.- O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza para o días 13 e 14 de decembro a segunda edición do curso “Intervención psicolóxica na enfermidade física crónica”. A actividade formativa desenvolverase no Salón de Actos do Hospital Marítimo de Oza da Coruña e estará impartida polo psicólogo clínico Jorge García Fernández.
A intervención nos aspectos psicolóxicos da enfermidade física crónica será obxecto de análise neste curso que conta con formato de obradoiro. Tamén se abordarán as alternativas de manexo terapéutico segundo o momento do proceso de enfermar e as características da persoa. Realizarase a presentación de casos clínicos e a construción conxunta de intervencións terapéuticas.
Abordaranse os procedementos de adaptación aos cambios na saúde e a psicoloxía nas diferentes enfermidades: desde as probas diagnósticas ata as enfermidades avanzadas, pasando por áreas como as patoloxías cardiovasculares, os pacientes de oncoloxía, aqueles que padecen dor crónica, reumatismos ou fibromialxia. Entre os obxectivos desta actividade formadora están a adquisición de estratexias de avaliación e tratamento baseadas na comunicación e no manexo de problemas específicos, coa intención de facilitar a adaptación ás doenzas crónicas. Estas enfermidades están relacionadas con 7 de cada 10 mortes nos países desenvolvidos e superan o 60% dos custos totais da atención sanitaria. Ademais, implican unha alta prevalencia de morbilidade e discapacidade.
Segunda edición O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia celebrou os pasados 4 e 5 de outubro esta mesma actividade formativa, pero debido á alta demanda de profesionais interesados en asistir, o COPG decidiu ofrecer unha reedición. A iniciativa está enmarcada dentro do intenso programa formativo que promove o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, co que pretende garantir a actualización constante e a optimización na práctica profesional dos/as psicólogos/as da comunidade.
O curso, organizado pola Sección de Psicoloxía Clínica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, está impartido por Jorge García Fernández, psicólogo clínico no Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario da Coruña, onde traballa na Unidade de Psiquiatría de Interconsulta e Enlace. Tamén é profesor asociado na Universidade da Coruña e conta cunha importante experiencia tanto clínica como docente.
Sede Social
Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org
Cómo llegar
Ver plano
Secretaría Técnica
Tel. 600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org
Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org