O COPG organiza a xornada
O COPG organiza a xornada “Xestión da mente para a superación da violencia de xénero”Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2014.- O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia programa para o vindeiro sábado 25 de xaneiro, a xornada “Xestión da Mente para a Superación da Violencia de Xénero”. A iniciativa, organizada pola Comisión Intersectorial de Xénero do COPG, está dirixida aos profesionais que se dedican a tratar mulleres afectadas por violencia de xénero, así como a homes implicados en tal situación.
O encargado de impartir o relatorio será
Evandro Vieira Ouriques, terapeuta de base analítica, corporal e enerxética, con clínica no Rio de Janeiro, Brasil, recoñecido como Mellor Académico do Mundo polo Reputation Institute, de Nova York.
A actividade formativa desenvolverase no Salón de Actos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, das 09:00 ás 20:00 horas. Poderán asistir psicólogos e psicólogas colexiadas (60 €), persoas colexiadas no paro e estudantes de Psicoloxía (30 €), ademais de profesionais non colexiados ou doutros sectores (120 €). A inscrición debe facerse nos locais do Colexio ou a través do correo electrónico do COPG (
Esta dirección electrónica esta protegida contra spam bots. Necesita activar JavaScript para visualizarla
).
Síntese da XornadaA metodoloxía Xestión da Mente foi creada por Evandro Vieira Ouriques e é aplicada, recoñecida e premiada internacionalmente por organismos como a ONU. A violencia contra as mulleres e as nenas, segundo a ONU, é unha das violacións dos dereitos humanos máis xeneralizadas, e por tanto é síntoma dunha patoloxía civilizatoria. As súas consecuencias e motivacións son máis efectivamente disoltas e superadas cando se comprende a súa orixe epistémica: a suposición filosófica de que a Natureza estivese morta.
Esta suposición de base xera todo o que implica e move á vítima, agresor, familia, compañeiros, traballo, amizades, movementos, redes, organizacións e institucións. É naturalmente estratéxico comprender as predisposicións á ignorancia, ao odio e á avaricia, os estados mentais que estruturan tal violencia. Estes estados mentais son estimulados a través de oito eixes de operacións psicolóxicas con efectos políticos, polo tanto psicopolíticos, é na súa superación que a Xestión da Mente proba a súa efectividade: familia/sociedade, educación, medios, vixilancia, ciencia, arte, castigo e guerra.
Evandro Vieira OuriquesEvandro Vieira Ouriques é terapeuta de base analítica, corporal e enerxética, con clínica na Cidade de Rio de Janeiro. Profesor e membro do Grupo de Investigación de Neurociencia e Pensamento funcional da NeuroFocous Psicoterapias, é lider e/ou membro de tres grupos de investigación do Conshello Nacional de Pesquisas Científicas do Brasil, do Center for Global Nonkilling (EUA), da Rede Territories of Social Responsibility (Reino Unido) e do Fondo Nacional de Desarrollo Científico y Tecnológico do Ministerio de Educación de Chile.
É supervisor de Investigacións Posdoutorais en estudos culturais, polo Programa Avanzado de Cultura Contemporánea da Facultade de Letras da Universidade Federal do Rio de Janeiro-UFRJ, Vicecoordinador do Grupo de Investigación Comunicación e Estudos socioculturais da Asociación Latinoamericana de Investigadores da Comunicación, e coordinador do Núcleo de Estudos Transdisciplinares de Comunicación e Conciencia, da Escola de Comunicación da UFRJ.
Recibiu o título de Mellor Académico do Mundo, polo Reputation Institute, NY, 2010 e de Guerreiro Zulú, pola Universal Zulu Nation , 2011. En 2012 foi elixido por unanimidade Académico Correspondente da Academia Galega da Lingua Portuguesa. Ten publicacións en Dinamarca, Portugal, Galicia, Colombia, Chile, Brasil e Reino Unido.
Está en Europa convidado polo Erasmus Mundus-Unión Europea para levar a aplicación da Psicopolítica e a Xestión da Mente á construción da Solidariedade nas redes sociais. Establecido desde xaneiro de 2014 na Universidade do Porto, fai conferencias, cursos e articulación de intercambios tamén na Universidade da Beira Interior, Universidade Nova de Lisboa, Universal Zulu Nation de Portugal e Universidade de Santiago de Compostela.