O COPG reúne a expertos en Dereito e Psicoloxía
O COPG reúne a expertos en Dereito e Psicoloxía para impartir o curso “Mediación en asuntos civís e mercantís”Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2014.- O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza a partir do 1 de febreiro o curso “Mediación en asuntos civís e mercantís”. O obxectivo é facilitar a formación na mediación de conflitos tan actuais como a reclamación de cantidades, desafiuzamentos, constitución e disolución de sociedades, morosos, impagos, etc.
A actividade consta de 100 horas e estará impartida por catedráticos, profesores universitarios e mediadores en exercicio, tanto do ámbito do Dereito como o da Psicoloxía. Celebrarase no Salón de Actos do COPG, en Santiago de Compostela e diríxese tanto a colexiados/as como ao resto de psicólogos/as en activo ou no paro.
Esta formación será válida para inscribirse no rexistro de mediadores e mediadoras que habilitará o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia unha vez se constitúa como entidade de mediación ao abeiro da Lei 5/2012, de 6 de xullo, de Mediación en Asuntos Civís e Mercantís.
A mediación: clave nestes temposO pasado mes de decembro publicouse no BOE o Real Decreto 980/2013, de 13 de decembro, polo que se desenvolven determinados aspectos da Lei 5/2012, de 6 de xullo, de mediación en asuntos civís e mercantís. Esta lei recolle dúas cuestións fundamentais: a creación dos rexistros de mediadores e a formación necesaria para formar parte deles.
A mediación é un proceso no que dúas ou máis partes en conflito buscan unha solución consensuada, satisfactoria para todos, coa axuda dun terceiro. Non é un método novo, pero nos últimos anos está recibindo un importante pulo, favorecido polas necesidades de alivio do sistema xudicial. Ademais, a mediación é promovida tanto polo Consello de Europa como polos diferentes estados membros, co fin de potenciar a súa utilización en todo tipo de conflitos: familiar, penal, sanitario, empresarial, organizacións, etc.
Os psicólogos e psicólogas forman un dos eidos profesionais que pola súa especialidade están altamente preparados para exercer de mediadores, sendo necesaria unha formación complementaria específica neste campo.