A institución organiza o 11 de marzo ás 19:00 horas a Conferencia sobre o manual "La salud mental de las mujeres: La psicoterapia de equidad feminista"
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2014.- O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, con motivo da celebración do Día da Muller, desexa facer un especial fincapé na discriminación laboral que continúa padecendo a muller e que coa actual crise económica non fixo máis ca incrementarse. Esta institución que representa aos e ás profesionais da psicoloxía en Galicia, esíxelle á Administración e a todos os poderes públicos que adopten as medidas necesarias para paliar esta discriminación co propósito de mudar e grave situación de desigualdade da muller con respecto ao home.
Nas últimas décadas, a incorporación da muller no mundo occidental ao mercado laboral foi un acontecemento loable, con todo hai consideracións que debemos facer. Non debemos esquecer que as mulleres, mesmo sendo aproximadamente a metade da poboación, en ningún país constitúen, a día de hoxe, a metade da poboación activa. En 2012 representaban o 45% da poboación ocupada en España, e a taxa de paro é dun 26% fronte ao 25% que afecta aos homes.
Os datos estatísticos revelan que a poboación ocupada diminuíu entre 2008 e 2012 en case tres millóns de persoas (2.975.600) en España e fíxoo de forma moi diferente para cada un dos sexos. A caída produciu unha concentración forte no sector económico dos servizos, onde se empregaban o 88% das mulleres ocupadas en 2012, polo que foi moito máis acusada que nos homes. En xeral, a taxa de actividade feminina é inferior á masculina en todos os países, inclusive naqueles nos que a incorporación das mulleres ao mercado laboral foi feita hai máis tempo. Por suposto, a diferenza das taxas de actividade entre mulleres e homes é maior nos países onde a incorporación da muller ao mundo laboral foi máis tardía.
A este feito, de ter menos mulleres que homes no mundo laboral, temos que sumar o feito de que os postos ocupados polas mulleres, xunto con outros colectivos desfavorecidos, son con maior frecuencia empregos a tempo parcial ou subempregos. Isto implica as correspondentes cotizacións inferiores á Seguridade Social, o que irremediablemente conduce a unha maior pobreza das mulleres, na actualidade e é no futuro, cando reciban a súa pensión de xubilación.
Co empeoramento causado pola crise económica, os recursos destinados a axudar as persoas destas áreas desfavorecidas, son menores; polo que a situación é cada vez de maior desigualdade entre homes e mulleres. Con esta actual escaseza de recursos, as desigualdades increméntanse, e con elas a inxustiza social é tamén maior.
Diante desta flagrante situación de desigualdade e desprotección crecentes do colectivo feminino, especialmente agravado nos últimos tempos, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia consideramos que é esencial priorizar o uso de recursos de cara aos colectivos máis desfavorecidos.
En conclusión, podemos afirmar que, en definitiva, combater a discriminación contra as mulleres no ámbito laboral é combater a inxustiza social e é contribuír ao benestar de todas as persoas na nosa sociedade.
CONFERENCIA
O vindeiro martes, 11 de marzo ás 19.00 horas, dentro das actividades organizadas polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e coordinada pola Comisión Intersectorial de Xénero, vaise celebrar a Conferencia sobre o manual “La salud mental de las mujeres: La psicoterapia de equidad feminista”, das autoras Soledad Muruaga e Pilar Pascual, ambas as dúas licenciadas en Psicoloxía.
O relatorio será no Salón de Actos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (Rúa Espiñeira, 10-Baixo en Santiago de Compostela).
A Psicoterapia de Equidad Feminista (PEF), é un tratamento psicolóxico que as autoras desenvolveron no espazo de Salud Entre Nosotras, enfocado especificamente á recuperación da saúde mental das mulleres que enferman polo impacto patolóxico que exerce sobre as súas vidas á desigualdade estrutural do sistema patriarcal.
É un método alternativo á atención que presta o sistema médico tradicional á saúde mental da muller.
Sede Social
Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org
Cómo llegar
Ver plano
Secretaría Técnica
Tel. 600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org
Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org