O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asina un convenio coa Xunta de Galicia

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asina un convenio coa Xunta de Galicia para a atención psicolóxica especializada a vítimas da violencia de xénero

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2014.- A decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada, e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, asinaron esta mañá un convenio para a atención psicolóxica en violencia de xénero, na sede colexial compostelá. Mediante este convenio permítese o desenvolvemento de dous programas para abordar de xeito integral esta problemática que tan vixente está na nosa sociedade.

“Hai unha realidade moi silenciada, porque pertence ao ámbito do privado: a violencia que se exerce contra a muller no seu fogar e coa que conviven cada día, escondida, calada, culpabilizada, sen denunciar en moitas ocasións. Os programas que estamos desenvolvendo buscan impedir que eses casos cheguen a rematar en finais tráxicos que abran telexornais, ofrecendo uns recursos para evitar a agresividade na parella e abordando a problemática da violencia de xeito integral, para que tanto o agresor como a vítima saian da espiral na que están inmersos e non recaian en situacións parecidas”, explicou a decana do COPG.

Abramos o Círculo é un programa que ofrece atención psicolóxica especializada e de apoio a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, ao que recorren voluntariamente homes que desexan mudar esta situación e eliminar a agresividade na súa relación coa familia e en especial, coa súa muller. A través deste programa, ofrécese información e tamén atención psicolóxica personalizada grazas aos/ás 73 terapeutas que o integran, con dous obxectivos. Por unha banda, previr a violencia de xénero, e pola outra, ofrecer atención e terapia a aqueles homes que queiran aprender a resolver conflitos sen violencia, e a comunicarse dun xeito máis adecuado coa súa familia, e en particular, coa súa muller.

O outro programa que se recolle neste convenio é o de Atención Psicolóxica a Mulleres que sofren Violencia de Xénero, e complementariamente a menores e outras persoas dependentes delas que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero. Son 124 terapeutas que repartidos por toda Galicia constitúen unha rede amplísima de asistencia que pode atender en menos de 48 horas a calquera muller que o solicite na súa localidade, e ao igual que no anterior programa, coa vantaxe de acudir gratuitamente a un despacho privado que non a identifica como vítima de violencia de xénero e que lle garante a privacidade.

“Este programa de atención a vítimas permite ofertar recursos terapéuticos para que as mulleres, menores e persoas dependentes destas mulleres, poidan recuperarse da situación que viviron, así como facilitar unha evolución posterior a partir desta terrible experiencia que lles permita abordar as relacións doutra forma e evitar que se repitan situacións parecidas. Que unha problemática tan negativa e daniña non lles impida ter unha vida plena despois e ser máis libres como seres humanos”, comentou María Rosa Álvarez, decana do COPG. “É abrirlles un camiño para a adquisición de habilidades e capacidades que lles faciliten lograr a autonomía e a integración na vida social, e reforzar a súa autoestima, ademais de contribuír á súa recuperación”, engadiu.

Ambos programas contan cun/cunha psicólogo/a coordinador/a e cunha rede de profesionais que levan a cabo a intervención psicolóxica que comprenden asistencias e consultas ás persoas beneficiarias, asistencia oral en xuízo por parte das psicólogas e psicólogos do programa. Inclúese ademais no convenio, a cobertura da asistencia domiciliaria en caso de morte por violencia de xénero con carácter de urxencia.

Inclúese tamén este ano nos programas, a garantía de acceso ás persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala. Ambos programas comprenden ademais a realización de actividades formativas para os/as psicólogos/as.

Grazas á colaboración ente a Vicepresidencia, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, está xa en funcionamento o protocolo interno entre o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias GIPCE para o Programa de Atención Psicolóxica ás Vítimas, que se activará no casos de violencia de xénero especialmente graves.

 

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org