O COPG imparte formación especializada

O COPG imparte formación especializada sobre intervención psicolóxica con mozos e mozas delincuentes

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2014.- O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia programa para os vindeiros sábados 3 de maio e 7 de xuño o obradoiro “Intervención con mozos/as delincuentes”. A iniciativa formativa ten como obxectivo dotar de coñecementos sobre os factores de risco e protección que poden asociarse á comisión por parte dos mozos e mozas de accións delituosas. Ademais amosará as estratexias e coñecementos para expoñer e defender nas salas de Xustiza as circunstancias sociais, familiares e persoais do/a menor infractor/a, así como para intervir en supostos especiais desde o eido da psicoloxía legal e forense.

O COPG decidiu incluír a temática na súa programación formativa, froito dos resultados da enquisa realizada pola Sección de Psicoloxía Xurídica, que revelou un gran interese por parte dos colexiados e colexiadas de buscar especialización na intervención con mozos e mozas que cometeron infraccións.

O obradoiro está destinado a psicólogos e psicólogas, colexiados ou non, ademais de a estudantes do último curso da Licenciatura e do Grao en Psicoloxía. Impatirase en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, na aula 10 do módulo A da Facultade de Psicoloxía da USC.

Os docentes

A docencia do obradoiro será impartida por dous profesionais altamente especializados no campo de intervención con menores infractores/as: Juan Luis Basanta Dopico e Ricardo Fandiño Pascual.

Juan Luis Basanta Dopico, doutor pola Universidade de Vigo no Departamento de Dereito Público, exerce na actualidade como psicólogo do Xulgado e Fiscalía de Menores. Anteriormente desenvolveu a súa actividade profesional como educador e director de centros de reforma e ocupou o cargo de psicólogo en servizos de protección.

Tamén doutorado pola Universidade de Vigo, Ricardo Fandiño Pascual, conta coa titulación de especialista en Psicoloxía Clínica e Máster en Menores e Conflito Social (Universidade de Vigo). A día de hoxe é o responsable da coordinación clínica do Centro de Atención Específica de Montefiz (Ourense).

 

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org