O Movemento Galego da Saúde Mental advirte

O Movemento Galego da Saúde Mental advirte de que o plan de peche da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Gil Casares segue activo

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2014.- Malia que se paralizou o plan das autoridades do SERGAS co que se pretendía pechar a Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Gil Casares de Santiago, o Movemento Galego da Saúde Mental advirte de que esta situación non é definitiva. Se ben é unha boa nova que se detivese o peche, grazas á firme oposición do sector profesional e da cidadanía que se foron sumando en contra dese plan, o Movemento ten coñecemento de que o plan de peche permanece activo.

Foron as fortes razóns nas que se fundamentaron para opoñerse profesionais e usuarios, así como o acceso e desvelamento dos datos e proxectos dos xestores, os que lograron que as autoridades retrocedesen nese obxectivo tan inaceptable. Pero desde o Movemento Galego da Saúde Mental aseguran que teñen datos fundados (ca mesma certeza que cando informaron de que os datos de ocupación do 50% eran falsos) que o plan de peche permanece activo, que prevén nos tempos inmediatos unha aplicación sistemática de medidas para desocupar progresivamente camas e logo “bloquealas” (na curiosa terminoloxía xerencial), e que finalmente intentarán pechar a Unidade cando alcancen a cantidade de “camas inactivas” que necesitan para argumentar o que pretenden. Nese plan as necesidades e os dereitos sanitarios non están a ser considerados, o obxectivo é meramente o de cadrar os balances. Desde o Movemento, do que forma parte o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, advirten de que prestarán moita atención a esta situación para tratar de impedila.

Tamén informan que tiveron coñecemento de que o xefe de servizo en funcións reclamou o 14 de maio, á petición dunha autoridade sanitaria da Consellería, explicacións a unha facultativa pola información e valoración pública que fixeron usuarios do Hospital de Día sobre o peche da Unidade do Gil Casares, e que recolleron os medios informativos o pasado 1 de maio.

Ese feito en si mesmo é dunha gravidade extraordinaria: expresa a anulación da capacidade dos usuarios de servizos sanitarios para decidir por si mesmos, e ignora que todas as persoas teñen dereito á liberdade de expresión, que ademais de exercerse na opinión antes citada, exprésase tamén xenialmente en producións artísticas, como a que dou a coñecer nestes días o tamén usuario do Hospital de Día que se presenta como YORA no rap que se pode escoitar neste enlace. https://soundcloud.com/yorarap/proyectowav

Cremos que esta reclamación de explicacións é grave e contribúe á estigmatización das persoas atendidas nos servizos de saúde mental, e o Movemento esixe coñecer á autoridade da Consellería que as solicitou.

Pero ademais aínda están á espera de que a Dirección de Recursos Humanos aclare o acontecido coas advertencias de non renovación de contratación laboral que recibiu outra facultativa, no caso de que asinase unha mera solicitude de convocatoria de xuntanza de servizo.

Desde o Movemento Galego da Saúde Mental aseguran: “A cuestións como estas fixemos referencia no pasado. Dixemos que eran inaceptables. A Xerencia negou que existisen. Non imos deixalas pasar. Por respecto aos dereitos das persoas, por dignidade nas relacións laborais, por necesidade de defensa do exercicio autónomo das profesións sanitarias. Como non imos deixar pasar sen confrontalas, cos medios que procedan, as accións ou omisións asistenciais que vulneren dereitos dos cidadáns a recibir unha asistencia acorde coas súas necesidades e coas indicacións terapéuticas recoñecidas científica e profesionalmente”.

O Movemento Galego da Saúde Mental está integrado por máis dun terzo dos profesionais do sector da saúde mental, a Asociación Galega de Defensa da Sanidade Pública, a Asociación de Profesionais de Drogodependencias e outras Adiccións, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, os sindicatos CIG e CC.OO., e as asociacións Solidarios Anónimos, Fonte da Virxe de Santiago, Asdan e Xaruma de Vigo, e Dédalo da Coruña.

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org