O COPG aborda técnicas innovadoras
O COPG aborda técnicas innovadoras baseadas na percepción sensorial para as terapiasSantiago de Compostela, 22 de maio de 2014.- Algunhas das aplicacións de recente incorporación ás intervencións con pacientes serán obxecto de análise para os asistentes ao “Obradoiro: Técnicas Innovadoras na Práctica Psicolóxica”, organizado pola Sección de Psicoloxía da Intervención Social do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. A actividade formativa vaise celebrar o vindeiro 24 de maio, en horario de 11:00 a 18:00 horas, no Centro SOFROS (Avda. Dos Pazos 111-113, Camos-Nigrán).
O obxectivo principal deste curso é a adquisición de estratexias de avaliación e tratamento baseadas no manexo dos sentidos das persoas, como un instrumento que contribúa ao seu propio benestar. Os e as asistentes ao obradoiro aprenderán a poñer en valor sabores, olores e cores que rodean ao individuo e lle achegan calidade de vida. Tamén traballarán con elementos enriquecedores como a música e o ioga, ámbolos dous aplicables dentro da práctica psicolóxica.
O COPG é consciente da necesidade de que os psicólogos e psicólogas que se dediquen a calquera ámbito da profesión poñan en práctica novas formas de intervención que sirvan para adaptarse a unha realidade cambiante. Este obradoiro é unha oportunidade de que coñezan desde unha perspectiva práctica novos ámbitos que complementen e enriquezan o traballo cos pacientes.
Os encargados de impartir este obradoiro son Pedro Santamaría Gargamalla, psicólogo do Centro AFAGA de Vigo; José Luis Armendia Zabala, profesor de ioga no Centro de Maiores de Valdezcaray de Logroño e Teresa Vázquez Amado, psicóloga do Centro SOFROS de Nigrán.
A actividade está enmarcada dentro do intenso programa formativo que promove o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, co que pretende garantir a actualización constante e a optimización na práctica profesional dos/as psicólogos/as da comunidade.