O COPG forma profesionais da Psicoloxía para que perfeccionen as súas técnicas de entrevista clínica
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2014.- O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia programa para os vindeiros días 6 e 7 de xuño o curso “A primeira entrevista en Psicoloxía Clínica”. A actividade formativa, organizada pola Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG, celebrarase nas aulas de docencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
A finalidade desta programación é afondar na importancia da entrevista, como o instrumento de avaliación máis empregado en Psicoloxía e o de primeira elección en Psicoloxía Clínica. Todo e toda profesional do eido debe coñecer e dominar esta ferramenta básica, xa que a súa importancia vai máis alá de realizar un bo diagnóstico: establece unha relación terapéutica e marca as primeiras pautas do que vai a ser o tratamento.
O curso está impartido por Yolanda Castro Casanova, psicóloga clínica no Complexo Hospitalario de Ourense, titora de residentes e acreditada como psicoterapeuta. A docente combinará teoría e práctica para amosar os diferentes tipos de entrevistas segundo os distintos contextos clínicos, segundo o problema a tratar e segundo as características dos pacientes. Incidirá ademais nas habilidades e destrezas que todo terapeuta debe ter en conta para a realización dunha boa entrevista
A actividade está dirixida a psicólogos/as, a aqueles/as que realizaran a especialidade de Clínica e aos/ás que estean nestes momentos coa residencia. O horario será de 17:00 a 21:00 horas o venres, mentres o sábado impartirase de 10:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 19:30 horas.