Profesionais, representantes sindicais e afectados e familiares participan na xornada “Unidos para defender o dereito a un futuro con saúde”

A asistencia en saúde mental en Galicia, a exame nunha xornada do sector mañá en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2014. A situación da asistencia pública no ámbito da saúde mental será revisada polos propios profesionais e usuarios, nunha xornada que organiza o Movemento Galego da Saúde Mental mañá sábado 28 de xuño na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela durante todo o día.

Tomarán a palabra profesionais da saúde mental e do ámbito xurídico e legal, representantes de asociacións de afectados e familiares, así como das organizacións sindicais. Baixo o lema “Unidos para defender o dereito a un futuro con saúde” propóñense diferentes mesas de traballo nas que se analizarán as cuestións máis preocupantes do ámbito da saúde mental en Galicia. Tomando como base as conclusións extraídas de cada mesa, celebrarase unha asemblea final do Movemento Galego da Saúde Mental, na que se tomarán decisións para futuras actuacións do mesmo, na procura da defensa desta parcela da sanidade pública.

Tres meses despois de que se formase este Movemento, celebra este primeiro acto tras a asemblea fundacional, cun ambicioso programa no que reflectir do xeito máis fiel posible a realidade que experimentan día a día traballadores e usuarios. Abrirá o acto a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro Landín, procedente da área sanitaria de Ferrol. A primeira mesa, moderada por Benito López-de Abajo Rodríguez, médico forense do Imelga, céntrase nas dimensións legais do que está a acontecer, e nela participarán José Gómez Rey, maxistrado da Sección VI da Audiencia Provincial en Santiago, que abordará a responsabilidade legal do profesional sanitario, e mais Antonio Rama Valdés, fiscal de Santiago, que proporá unha visión crítica da actual reforma do Código Penal e as controvertidas medidas que afectan á saúde mental.

O Hospital Psiquiátrico de Conxo será o protagonista da segunda mesa, moderada polo psiquiatra do Hospital Gil Casares, Alberte Araúxo. Tomarán a voz os profesionais do centro: consideraranse as alternativas que ten por diante o centro de Conxo da man do psiquiatra Ramón Ramos; o traballo e as posibilidade de mellora do persoal de enfermería, a través da TCAE Ana Blanco e da auxiliar de enfermería Pilar Baldomir; e finalmente o psiquiatra Ramón Area exporá a súa visión sobre lugares, non lugares e hiperlugares.

Economía e saúde mental         

A evolución e a situación laboral dos profesionais centrará a terceira das mesas, moderada pola representante sindical de CC. OO. Ana Riveiro Currais. María Xosé Abuín Álvarez, secretaria nacional de CIG-Saúde, considerará a relación entre a crise económica como pretexto para o desmantelamento dos servizos públicos. Antón Casais Lestón, psiquiatra e psicanalista do Hospital Piñor de Ourense, reflexionará sobre os recursos humanos no sector da sanidade, seguido de Chus García Álvarez, psiquiatra do Hospital de Día do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, que debuxa o precarización co título “Do dispositivo intermedio ao dispositivo medio interrompido”. Pechará a sesión da mañá Luísa María Blanco Caramés, analizando a asistencia a drogodependentes en Galicia.

A relación entre a crise e a saúde mental abrirá a quenda da tarde, moderada pola psicóloga clínica do Hospital Lucus Augusti Delia Guitián Rodríguez. O psiquiatra da Unidade de Psicoxeriatría do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela, Raimundo Mateos Álvarez, analizará a asistencia aos máis maiores, para que a continuación a traballadora social María Sagrario Fernández Méndez, do Hospital Lucus Augusti, reflexione sobre a crise e a súa incidencia nos servizos sociais. Tamén se desenvolverá a análise sobre a situación da atención á saúde mental da infancia e da adolescencia, pola Dra. Madó Domínguez, psiquiatra infantil e profesora de Psiquiatría da USC. Pechará a sesión a propia Delia Guitián, analizando a repercusión do actual contexto económico nos casos de suicidio.

Para rematar, será a quenda dos dereitos sociais, debuxando a situación sociolaboral, asociativa e participativa das persoas afectadas por trastorno mental grave, na quinta mesa que moderará o psicólogo clínico do Hospital Clínico Universitario de Santiago Miguel Anxo García Álvarez. A dependencia centrará a intervención da psicóloga clínica Rocío García Castro, presidenta da Asociación Pro Saúde Mental A Creba e familiar de persoas con enfermidade mental. Elvira Varela, membro da directiva da Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, analizará os logros alcanzados despois de 20 anos de movemento asociativo. A psicóloga clínica Amelia Varela, directora-xerente de LAR pro Saúde Mental de Vilagarcía de Arousa, analizará a experiencia propia no ámbito da rehabilitación laboral, mentres que pecharán a última mesa Carlos García Lampón e Cristina Riobó Bernárdez, membros do Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Feafes-Galicia, que reivindicarán a súa necesidade a sociedade.

As conclusións extraídas de cada mesa pasarán a debate nunha asemblea do Movemento Galego da Saúde Mental que servirán como base para decidir as accións futuras do mesmo.

O MGSM é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental en Galicia e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. Está formado por máis de trescentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CC. OO.), Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores), Xuíces pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de Profesionais de Drogodependencias e Outras Condutas Aditivas, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do SERGAS e o Equipo Boa Vida.

Máis información na web http://movementogalegodasaudemental.blogspot.com.es

 

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org