Profesionais fórmanse en Galicia para realizar a valoración psicolóxica nas oposicións á policía local
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2014.- Os procesos de selección dos corpos de policías locais inclúen unha valoración psicolóxica das persoas candidatas que ten que ser realizada por persoal especialista, e velaí por que o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ofrece o curso “Selección de persoal: Convocatorias de corpos de seguridade” entre o 20 de outubro e o 24 de novembro.
Esta actividade desenvólvese combinando as modalidades presencial na sede do COPG en Santiago de Compostela, e tamén de teleformación. Nela abordaranse os procedementos e normas a seguir nestas oposicións de acordo coa normativa vixente, xa que a avaliación de persoas é un proceso de gran complexidade e sensibilidade, tal e como reflicte a NORMA ISO 10667, norma internacional encamiñada a mellorar a calidade dos procesos de avaliación de persoas en contornas laborais e organizacionais.
As persoas que participarán neste curso analizarán os perfís profesionais obxecto de valoración, coñecendo as diferentes categorías da policía local na nosa Comunidade, os postos e os aspectos que se deben avaliar nos procesos de selección. Determinaranse os protocolos de actuación do profesional da psicoloxía neste tipo de convocatorias, nunha sesión na que participarán un membro da Comisión de Ética e Deontoloxía do COPG e Cecilia Barros Díaz, asesora xurídica do Colexio. As diferentes probas ás que cómpre someter ás persoas candidatas aos corpos de seguridade, tanto psicotécnicas como a entrevista individual, serán así mesmo obxecto de estudo, ademais da recollida dos datos condensados no informe final.
As docentes responsables da formación serán Mª Pilar del Pueblo López e Mª Concepción Prado Álvarez, dúas especialistas no sector. Psicóloga, consultora de recursos humanos e xestora de proxectos para empresas públicas e privadas, Del Pueblo López é asesora técnica de tribunais para oposicións de corpos de seguridade e da Policía Local da Comunidade Valenciana. Prado Álvarez é vogal da Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do COPG, psicóloga con actividade profesional en selección de persoal, formación e orientación profesional; ademais ten participado nos procesos de selección de Policía Local de Galicia.
Esta actividade fai parte do intenso calendario formativo que desenvolve o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, promovendo a formación continua dos e das profesionais na Comunidade, e está organizada pola Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións.