O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia presenta o último libro de Jesús Vilar
2 de decembro de 2014Entre o
4 e o 5 de decembro Jesús Vilar visitará as tres Universidades galegas, onde se realizarán diferentes actos para debater sobre a ética profesional na Educación Social e presentar o libro
“Cuestiones éticas de la Educación Social. Del compromiso político a la responsabilidad en la práctica profesional”.
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia está a traballar na posta en marcha da súa
Comisión de ética e benestar profesional, motivo polo cal decidiu organizar a visita de Jesús Vilar a Galicia. O Ceesg conta coa colaboración das Facultades de Ciencias da Educación das Universidades de A Coruña, Santiago e Vigo para desenvolver os actos que se describen a continuación.
O xoves
4 de decembro participará como membro do tribunal dunha tese doutoral sobre
Intervención socioeducativa con menores en protección. Terá lugar ás 11:30 no Salón de Graos “Vicente Risco", no 4º andar do Edificio de Ferro na Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense. O autor da tese é o educador social Xesús Deibe Fernández Simo.
Tamén na xornada do
xoves 4 de decembro ás 19:00 horas celebrarase a presentación do libro
“Cuestiones éticas de la Educación Social. Del compromiso político a la responsabilidad en la práctica profesional”. O evento estará a cargo de Jesús Vilar, e desenvolverase no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Na organización deste acto tamén colabora o Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA), cuxo obxectivo é incentivar a investigación no eido educativo e social.
Na facultade de Ciencias da Educación da Universidade de A Coruña, a presentación do libro enmárcase na
“Xornada de traballo: Cuestións éticas na Educación Social. Do Compromiso político á responsabilidade na práctica profesional” onde se abordará o sentido da ética na Educación Social e na práctica cotiá do exercicio profesional. Esta xornada desenvolverase
o venres 5 de decembro as 12:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña coa colaboración da Comisión de Cultura.
Na tarde do venres 5 o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia realizará unha xuntanza para establecer as bases e crear a
Comisión de ética e benestar profesional, que se encargará da creación e seguimento do código deontolóxico na profesión da Educación Social en Galicia. A madriña desta comisión será a filósofa e política Carmen Adán.
A traxectoria de
Jesús Vilar no eido da Pedagoxía Social é amplo, comeza a súa formación diplomándose en Maxisterio e realiza o doutoramento en Pedagoxía. A súa experiencia profesional comeza como mestre e, posteriormente, educador social con nenos en situación de risco social e mozos infractores. Dende o ano 1994 é profesor da Facultat d’Educació Social i Treball Social Pere Tarrés da Universitat Ramon Llull. Tamén dirixe a revista “Educación social. Revista de intervención socioeducativa”. Os temas nos que actualmente traballa son a ética profesional no campo socioeducativo, os retos da formación inicial e permanente dos profesionais da educación social en escenarios de complexidade e o estudo da aplicación da Convención dos Dereitos da Infancia. Ten numerosas publicacións sobre ética e deontoloxía profesional entre outros temas vinculados á Educación Social.
O obxectivo do libro é estudar que forma adoptou a ética na educación social, como se chegou até o punto actual e os principais retos de futuro. Para o que, despois dunha presentación teórica sobre ética profesional, se analiza o proceso de construción da identidade dos profesionais da educación social e o xeito no que a ética estivo presente neste proceso. En segundo lugar, analízanse as principais fontes de conflitividade moral na profesión e as principais dificultades formais coas que se atopan os profesionais á hora de xestionar os conflitos de valor que aparecen na práctica profesional. Finalmente, apórtanse criterios para a xestión dos conflitos de valor e se propoñen unha vías de traballo sobre como vincular o sentido moral do profesional coa súa práctica cotiá.
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia é unha corporación de dereito público constituída no 2001, unha organización con capacidade para representar e velar polos intereses das educadoras e educadores sociais de Galicia, así como ordenar o exercicio da profesión de cara a desenvolver accións socioeducativas de calidade que teñen con fin último promover o benestar das persoas, grupos e comunidades destinatarias e protagonistas das mesmas.
Fonte: Colegio de Educadoras/es Sociais de Galicia
Data: 2 novembro 2014