O COPG pide no Parlamento prevención e educación a idades temperás para erradicar a violencia machista


Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2014.- O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) insta ao Parlamento de Galicia a apostar decididamente pola loita para erradicar a violencia contra a muller, especialmente a través da prevención e do traballo na Educación e reclama a necesidade de ofrecer garantías reais de asistencia psicolóxica ás vítimas.

Así o destacou na súa comparecencia a decana do COPG, María Rosa Álvarez Prada, ante a Comisión Especial de Igualdade e para os Dereitos das Mulleres da Cámara galega, á que foi convidada para valorar a lexislación nesta materia e o seu desenvolvemento posterior. O COPG denuncia que sigue instaurado no imaxinario da sociedade a idea de que a violencia machista é algo inevitable, en certo modo permitido, e cómpre loitar contra isto.

Na súa intervención, a decana do COPG denunciou que non se está facendo valer o carácter integral da actual normativa legal e que a muller que decide saír da situación de violencia coa súa parella ou ex parella se sinte pouco amparada polo sistema. A afectada vese inmersa nunha peregrinación por diferentes instancias públicas, nas que debe repetir e revivir a súa situación, que a levan a unha vitimización secundaria.

Por iso, Álvarez Prada reivindicou a necesidade de contar cunha instancia coordinadora real, que permita definir uns protocolos claros para que a muller saiba os pasos que ten que seguir e que se sinta protexida e acompañada.

No relativo aos programas de asistencia psicolóxica que xestiona o COPG en convenio coa Vicepresidencia da Xunta, destinados tanto a vítimas e menores dependentes como a agresores que desexen rehabilitarse, a decana sinalou que son “un parche”, dado que a asistencia psicolóxica debería ser ofrecida en atención primaria.

Indicou a representante do COPG a necesidade de abrir o programa Abramos o Círculo, destinado a agresores, a aqueles mozos inmersos en situacións de violencia coas súas parellas e/ou familias, xa que non hai outro servizo alternativo para estes casos. No caso do Programa de Atención a Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, reclamou eliminar o criterio de non convivencia co agresor, xa que está comprobado que un dos momentos máis delicados en situacións de violencia de xénero é no que a muller decide poñer fin á relación e debe ter apoio psicolóxico para estar máis protexida.

Así mesmo, reclamouse desde o COPG poder realizar as valoracións da necesidade de asistencia psicolóxica ás mulleres desde o propio Programa, para poder comezar coa terapia o antes posible, xa que ten un carácter urxente en moitos casos.

O Colexio quixo destacar como fundamental unha protección maior dos e das menores e que se escoite as súas necesidades. En moitas ocasións non poden acceder ás terapias porque seu pai, o presunto agresor, non o autoriza. Outras veces non acceden ás sesións con todas as garantías, porque o seu proxenitor exerce o seu dereito de estar presente nelas.

As institucións deben ter en conta que os nenos e nenas sofren moito nestas circunstancias, xa que segundo organismos internacionais, as secuelas psicolóxicas poden ser semellantes ás de ter sufrido abusos. A proposta do COPG é que non exista a obriga de informar ao presunto agresor do inicio do tratamento psicolóxico por parte dos e das menores.

A decana do COPG reflexionou ante a Comisión de Igualdade sobre a necesidade de que exista a figura do psicólogo ou psicóloga forense nos servizos de garda dos xulgados de violencia de xénero, que suporía unha maior eficacia nas denuncias e nas valoracións de riscos. Así mesmo, estase comprobando a ineficacia dos formularios de valoración empregados nestes intres, xa que moitas das mulleres falecidas este ano e que presentaran algunha denuncia previa, tiñan unha valoración de risco “baixo” ou “non apreciado”.

No ámbito da prevención, Álvarez Prada lamentou o carácter “conmemorativo” das campañas publicitarias, que se centran no 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Animou a dirixir esas mensaxes igualitarias e de rexeitamento da violencia tamén aos homes e á mocidade, e ofrecer a imaxe dunha muller empoderada.

O COPG denuncia a inexistencia da prevención no ámbito da educación. Por unha banda, non forma parte dos plans de estudos dos profesionais afectados (saúde, avogacía, etc.), e a formación posterior que se ofrece é voluntaria e básica. Pola outra, nos centros educativos non atopamos adxudicacións horarias, nin desenvolvementos curriculares concretos en igualdade e prevención. Educar desde a nenez e a adolescencia é a única garantía que hai para erradicar da sociedade os comportamentos sexistas e a violencia de xénero.

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org