O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reivindica un servizo público de mediación intraxudicial en todas as cidades galegas
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2015.- O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) insta ás Administracións públicas a asumir como propio un servizo de mediación intraxudicial en todas as cidades de Galicia, unha reivindicación que cobra maior vixencia na xornada de hoxe, en que se conmemora o Día Internacional da Mediación.
Desde 2009 o COPG desenvolve programas de mediación intraxudicial en Santiago de Compostela e en Ourense a través dos convenios de colaboración asinados co Colexios de Avogados de ambas as dúas cidades, a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e mais coa Xunta de Galicia. Esta experiencia pioneira demostrouse como un modelo eficaz e útil para a cidadanía e tamén para as e os profesionais da Xustiza, pero non é suficiente para garantir unha cobertura adecuada para toda a cidadanía da Comunidade Autónoma. Sen a consolidación nun marco normativo non existe un servizo público cunha cobertura universal, con uniformidade de criterios, accesible e ben coordinado.
A mediación é unha ferramenta de grande utilidade social, que procura unha solución consensuada e satisfactoria para as partes implicadas nun conflito, ao tempo que axuda a aliviar o sobrecargado sistema xudicial. Desde o COPG defendemos a utilidade da mediación na sociedade en todo tipo de conflitos, ben sexa no ámbito familiar, penal, sanitario, empresarial, laboral ou das organizacións, por exemplo. De feito, as estatísticas sinalan que os acordos conseguidos a través da mediación perduran máis no tempo.
O COPG e a mediación O compromiso do COPG coa mediación está plasmado nos propios Estatutos da organización colexial, que foron modificados en 2013 para incorporar entre os seus fins “impulsar e desenvolver a mediación”, co fin de adaptarse á Directiva europea 2008/52/CE. A partir de aí, en 2014, constituíuse ante o Ministerio de Xustiza como entidade de mediación e creou o Rexistro de Mediadores e Mediadoras.
Pero xa no ano 2000 se conformara no COPG a Comisión Intersectorial de Mediación, que agrupa a representantes dos distintos campos de traballo da Psicoloxía, como o xurídico, o educativo, o sanitario, o da intervención social ou o do traballo e as organizacións. Sete anos despois, o COPG e a Xunta de Galicia colaboraron para o desenvolvemento dun programa de mediación familiar gratuíta, o Mediagal.
Así mesmo, no Colexio vense ofrecendo formación especializada sobre a mediación, como o curso de Mediación en asuntos civís e mercantís que impartimos en 2014, co fin de que as e os profesionais implicados conten coa mellor preparación posible. Tamén contribuímos á difusión desta ferramenta, se ben un servizo público universal facilitaría un mellor coñecemento do mesmo e que máis persoas puidesen beneficiarse del.