Os psicólogos e psicólogas de emerxencias avalían as súas intervencións en casos de violencia de xénero
Este sábado 21 de febreiro, o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia realiza un seminario co obxectivo de revisar as súas intervencións en casos de violencia de xénero. Comezará ás 9 da mañá e estenderase ao longo de todo o día, e terá como lugar de celebración a sede do COPG en Santiago de Compostela.
Co título “Repensando e abrindo o foco en violencia de xénero”, busca coñecer e reflexionar sobre as características propias das intervencións en violencia de xénero realizadas polo GIPCE durante 2014. Así mesmo, analizarase o traballo que realizan os e as terapeutas do Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres Vítimas que sofren Violencia de Xénero, que grazas a un convenio asinado coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia permite a actuación conxunta co GIPCE en casos que así o requira. Os psicólogos e psicólogas que integran o GIPCE serán os encargados de expoñer os casos nos que interviñeron.
O obxectivo é revisar os diferentes aspectos das intervencións co fin de extraer pautas de actuación comúns para futuras intervencións. Este seminario está dirixido estritamente aos e ás profesionais que forman parte do GIPCE, e é o primeiro dos tres que están previstos para este curso. O suicidio e os naufraxios serán os eixos sobre os que versarán os dous seguintes, que centraron a meirande parte das intervencións deste equipo especializado durante o 2014.
O GIPCE é un equipo que forma parte do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e desde o ano 1997 conta cun convenio coa Xunta de Galicia para a súa intervención en emerxencias. É unha rede de profesionais especializados e formados capaz de dar unha resposta eficaz neste tipo de situacións as 24 horas do día durante os 365 días do ano na nosa Comunidade.