O COPG reivindica as achegas da Psicoloxía Educativa como un camiño para a igualdade no Día Internacional da Muller


O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia lembra neste Día Internacional da Muller a importancia da Psicoloxía Educativa como ferramenta para traballar os valores de igualdade na infancia e na adolescencia. A presenza destas e destes profesionais nos centros educativos é unha antiga reivindicación que cobra vixencia ante os datos extraídos en recentes estudos sobre a mocidade que nos indican que malia terse suavizado algunhas discriminacións sexistas, aínda queda un longo camiño por percorrer en materia de igualdade de xénero.

Este 2015 arrincaba cun estudo do CIS que deitaba datos tan preocupantes coma estes: un de cada tres mozos/as do conxunto do Estado (entre 15 e 29 anos) considera normal controlar a súa parella en canto a horarios, relacións con amizades ou familia; un control que se estende a temas como os estudos ou o traballo e que chega incluso a dicirlle o que pode ou non facer. Ademais, a súa percepción das desigualdades de xénero é menor que entre o resto da poboación. En cambio, si que existe un maior rexeitamento á violencia de xénero, e sete de cada dez mozas manifesta como unha actitude inaceptable o control da vida da parella. Isto indícanos un descoñecemento e unha normalización de comportamentos que non deben ser aceptados e que nos conducen a un contexto na que a violencia de xénero se xustifica e se tolera.  

E se imos a idades máis temperás, os datos son máis preocupantes aínda, como vemos nas conclusións obtidas no informe Jóvenes y género. El estado de la cuestión, elaborado polo Centro Reina Sofía este mes de febreiro. Un de cada tres homes de entre 12 e 24 anos xustifica as agresións machistas porque “algo faría” a vítima; unha porcentaxe que se mantén entre aqueles que pensan que a violencia contra a muller pertence ao ámbito familiar e non debe saír de aí.

O traballo xa na infancia e sobre todo na adolescencia é crucial para atallar a problemática da desigualdade de xénero, que como cada ano, o 8 de marzo lémbranos que non está para nada conquistada. Esa desigualdade é a base sobre a que se sustenta a violencia contra a muller. Desde as institucións débese promocionar mensaxes de igualdade e de rexeitamento da violencia tamén aos homes e sobre todo, á mocidade, e ofrezamos unha imaxe de muller empoderada e non vitimizada.

E por suposto, a igualdade e a violencia contra a muller ten que formar parte ineludiblemente dos currículos formativos dos profesionais implicados neste ámbito, como a saúde, a avogacía, etc. Así mesmo, nos centros educativos tampouco hai adxudicacións horarias nin desenvolvementos curriculares concretos en materia de igualdade ou de prevención, quedando á boa vontade do profesorado comprometido e militante. A figura da psicóloga ou psicólogo educativo sería un medio excelente para desenvolver este labor nos centros escolares, traballando aspectos como a educación afectivo-sexual, a igualdade, a xestión das emocións, etc. Só educando en valores de igualdade desde a primeira infancia conseguiremos erradicar os comportamentos sexistas e a violencia de xénero.

Más información:  Documento Adjunto


Fonte: Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 7 marzo 2015
 

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org