O COPG forma profesionais en intervención para pacientes con dano cerebral
Esta problemática afecta a máis de 35.000 persoas en GaliciaOs vindeiros días 17 e 18 de abril vaise celebrar no Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela o curso “Avaliación e rehabilitación da atención e as funcións executivas: casos prácticos”. A actividade formativa está organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e vai dirixida a psicólogos/as que traballen ou estean interesados/as no tratamento neuropsicolóxico do dano cerebral.
Segundo os datos da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), coa que colabora o COPG, a enquisa do INE de 2008 sobre Discapacidade, Autonomía Persoal e Situacións de Dependencia, revela que en Galicia hai unhas 35.000 persoas con dano cerebral adquirido.
O programa a desenvolver enmárcase na serie de cursos do COPG sobre formación en intervención no dano cerebral e ten un enfoque eminentemente práctico. Deste xeito, as persoas asistentes coñecerán as distintas estratexias na intervención nas funcións executivas e de atención así como a súa posta en práctica en pacientes con dano cerebral adquirido. O obxectivo é que adquiran ademais as ferramentas necesarias para o deseño de programas de rehabilitación.
As encargadas de impartir a docencia son as psicólogas clínicas María Dolores Vinagre Torres e María Jesús Gómez Vecino. Ambas as dúas traballan como neuropsicólogas na asociación ADACECO (Asociación de Dano Cerebral da Coruña) desde o ano 2002 e contan cunha ampla experiencia no eido do dano cerebral.
O curso vaise celebrar na Aula 11 da Facultade de Psicoloxía da USC cun horario de 17:00 a 21:00 horas o venres e o sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Fonte: COPG
Data: 16/04/2015