Profesionais da psicoloxía revisan o vínculo do apego na infancia e na idade adulta


O vínculo de apego, tanto nos nenos e nenas como en persoas adultas, será o eixo do curso que organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia os próximos días 22 e 23 maio e que acollerá o Facultade de Psicoloxía da Universidade de Compostela.

Na actividade realizarase unha revisión das etapas para a constitución deste vínculo, as súas tipoloxías e cales son as alteracións que pode experimentar no seu establecemento. Preténdese así ofrecer formación nos aspectos teóricos máis relevantes á hora da abordaxe do vínculo e a súa relación coa psicopatoloxía, así como no tratamento das súas alteracións (os trastornos border-line e o trastorno de apego desorganizado).

As técnicas para a valoración do apego por parte da ou do psicólogo e a súa abordaxe desde a psicoterapia serán outros dos aspectos a tratar nas xornadas que organiza a Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Ademáis, tamén se centrará unha parte do programa no estilo de apego do ou da terapeuta, vista a súa importancia á hora de establecer e reparar certas interaccións vinculares propias co paciente.

Un total de 30 profesionais formaranse durante esta fin de semana e traballarán aspectos tanto desde a teoría como desde a práctica. Elena Rodríguez Borrajo será a docente deste curso, directora do Gabinete de Psicoloxía Alén (Centro de atención psicolóxica á infancia), especializado no tratamento das persoas que atravesan ou atravesaron condicións de crianza traumáticas. Rodríguez Borrajo ademais foi directora da Área de infancia na Cruz Vermella na Coruña e do Programa de Familias Acolledoras e Casa de Familias, ademais de exercer como educadora no centro de menores “Ciudad de los muchachos, agarimo”.

O apego é un concepto de raíces psicanalíticas que tivo unha forte pegada en moitas outras orientacións teóricas, a partir da definición seminal por parte do psicólogo John Bowlby, que o identificaba como o vínculo emocional que desenvolve un neno ou nena co seu pai, a súa nai ou as persoas que o coidasen, e que lle proporcionaba a seguridade emocional indispensable para o correcto desenvolvemento da súa personalidade.  

Data: 21 de maio 2015

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org