A situación do suicidio en Galicia será outro tema central da xornada do 20 de xuño


O MGSM reflexiona sobre o estado dos dereitos na atención no eido da saúde mental

O estado dos dereitos na atención no ámbito da saúde mental será analizado tanto por profesionais como por persoas afectadas nunha xornada que organiza o Movemento Galego da Saúde Mental o vindeiro sábado 20 de xuño na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela durante todo o día.

A mesa que reflexionará arredor desta cuestión abordará desde diferentes perspectivas a situación dos dereitos das persoas neste eido asistencial. O médico de familia Pablo Vaamonde García realizará unha intervención na que cuestionará se a sanidade está blindada como un dereito fundamental ou máis ben se está a tratar como un negocio. A consideración xurídica correrá por conta de Fuencisla Ladrón de Cegama Escudero, fiscal da área de Santiago de Compostela, que analizará os tratamentos involuntarios; mentres que o psicólogo clínico Miguel Anxo García Álvarez abordará a cuestión da contención física. Pechará esta primeira mesa Carlos García Lampón, de FEAFES, que exporá o punto de vista de familiares e persoas con enfermidade mental no referente ao estado dos seus dereitos.

Manuel Lago, economista de Comisións Obreiras e profesor de relacións Laborais da Universidade da Coruña, ofrecerá unha conferencia-coloquio na que vai afondar sobre a influencia que pode ter o Tratado de Libre Comercio que pretenden asinar Estados Unidos e a Unión Europea, coñecido como o TTIP, nos servizos públicos de saúde, e que está a levantar moitas controversias.

A situación do suicidio en Galicia protagonizará a quenda da tarde. Delia Guitián Rodríguez, Psicóloga clínica, achegará as cifras deste tipo de falecementos na nosa Comunidade, mentres que o xefe de servizo de Clínica Médico Forense do Instituto de Medicina Legal De Galicia (IMELGA), Benito López-de Abajo Rodríguez, ofrecerá un estudo sobre o suicidio no territorio galego. O psicólogo clínico Gonzalo Martínez Sande tentará expoñer as explicacións ao suicidio para rematar coa enfermeira especialista en saúde mental, Amparo González García, que relatará a súa experiencia no Programa de Intervención Intensiva en Conduta Suicida que se desenvolve no Complexo Hospitalario de Ourense, único destas características en Galicia.

Ás 18 horas realizarase unha Asemblea do Movemento Galego da Saúde Mental. A xornada é gratuíta e a inscrición pode realizarse no enderezo electrónico Esta dirección electrónica esta protegida contra spam bots. Necesita activar JavaScript para visualizarla e está limitada á capacidade do aforo do salón de actos.

O MGSM é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental en Galicia e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. Está formado por máis de trescentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CC. OO.) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores), Xuíces pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais de drogodependencias e outras condutas aditivas, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do SERGAS, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental-Asociación Española de Neuropsiquiatría.

Máis información na web http://movementogalegodasaudemental.blogspot.com.es

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org