Benigno Rosón, premio traxectoria profesional do CPEIG


O subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de  Sanidade é unha peza clave na creación do modelo futuro da sanidade pública

 

Benigno-Roson
Benigno Rosón

 


Benigno Rosón Calvo (Lugo, 1972), subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información na Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, resultou merecente, ao xuízo da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), do Premio Traxectoria Profesional na edición 2015 polo seu “decisivo papel no deseño do futuro modelo de sanidade pública galega”.

O galardoado –que recollerá o premio no transcurso da “Noite da Enxeñaría en Informática” o vindeiro 26 de xuño- é licenciado en Informática pola Universidade da Coruña (1990-1995).  No ano 2009 obtén o diploma de directivo da Xunta de Galicia no  Programa de Dirección Innovadora e en 2010 o Título de Máster en Dirección de Sistemas e Comunicacións polo Instituto Nacional de Administración Pública e a Universidade Politécnica de Madrid.

Iniciou  a súa carreira profesional hai 20 anos traballando nas empresas do sector TIC, realizando funcións de consultaría e desenvolvemento informático. No ano 1999 ingresou no corpo de Técnicos Superiores de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Servizo Galego de Saúde, onde exerceu distintos niveis de responsabilidade dentro da administración sanitaria. Desde 2009 é subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da  Información na Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Durante estes anos foi tamén profesor en diversos cursos superiores e de dirección na la Escola Galega de Administración Sanitaria, relator en congresos e autor de distintos artigos divulgativos en revistas especializadas

Desde o seu departamento desenvolvéronse nos últimos anos proxectos de gran repercusión tecnolóxica e asistencial, como a informatización da historia clínica en toda a comunidade galega, a implantación da receita electrónica ou os proxectos europeos H2050 e Innova Saúde.

H2050 e Innova Saúde

Hospital 2050 e Innova Saúde son dous plans de innovación sanitaria cun investimento de máis de 90M€, cuxo ámbito temporal vai de 2012ª 2015, cofinanciado polos Fondos FEDER dentro do "Programa Operativo de I+D+i por e para o beneficio das empresas, Fondo Tecnolóxico 2007-2013. A misión dos Plans de Innovación H2050 e  InnovaSaúde  é crear o modelo de futuro da sanidade pública galega e que este poida servir de referencia  a nivel nacional e europeo.

Desde H2050 e Innova Saúde promóvese a Compra Pública Innovadora (CPI), un instrumento de política de innovación que ten como último obxectivo dinamizar a innovación e a internacionalización mediante a articulación e fortalecemento da demanda tecnolóxica.

En concreto, Innova  Saúde inclúe un conxunto de 14 subproxectos mediante os que se materializarán solucións innovadoras a necesidades asistenciais actuais e futuras. Estes sistemas serán os que soporten novos modelos para a prestación de servizos sanitarios e sociosanitarios en modalidades presenciais e non presenciais cos cidadáns –pacientes e coidadores-.

Os novos modelos de servizos oriéntanse  tanto á prevención e promoción da saúde como á vixilancia, seguimento e tratamento e coidados en patoloxías (especialmente de carácter crónico), aumentando a capacidade de atención en modalidades como a hospitalización a domicilio ou a atención sociosanitaria, e constitúen tamén unha nova canle que proporciona maior accesibilidade aos servizos sanitarios utilizados tanto polos pacientes como polos coidadores dos mesmos.

O despregamento destas novas plataformas tecnolóxicas tamén suporá un soporte sobre o que articular unha rede para o diagnóstico no que poidan participar todos os profesionais sanitarios do sistema público de Galicia.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org