O Colexio de Psicoloxía adhírese a Un Pacto de Estado pola Infancia


O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia adheriuse á iniciativa "Eu pido pacto", que desde Unicef xunto contras organizacións se está a promover, para tentar asinar un Pacto de Estado pola Infancia que blinde os dereitos dos nenos e nenas no conxunto do Estado.

No actual contexto económico e social, a situación da infancia empeorou notablemente, especialmente no relativo aos niveis de pobreza. Un de cada cinco nenos e nenas en Galicia vese en risco de pobreza e a desigualdade faise máis patente na poboación infantil, estreitamente ligado ao fracaso e o abandono escolar.

Desde 2007, a pobreza infantil incrementouse en 6 puntos en Galicia, superando o 22%, (menor que o 27,5% do conxunto estatal, pero non por iso resta gravidade ao dato). Máis de 18.000 familias con nenos ou nenas padecen pobreza severa e máis de 4.000 fogares teñen carencias de alimentos. Un contexto que ten que ver cun forte incremento do número de fogares sen ingreso ningún, co aumento do número de persoas en situación de desemprego de longa duración e coa redución das taxas de cobertura social.

A pobreza infantil non afecta unicamente de forma coxuntural ás persoas afectadas: as carencias repercuten na súa vida adulta, no seu desenvolvemento físico, psicolóxico e educativo, agravándose as consecuencias cando se sofre nas idades máis temperás. As privacións vividas ata os 5 anos poden marcar a súa saúde na idade adulta, a súa personalidade, a súas relacións sociais, etc. Inflúen de forma evidente no seu desenvolvemento intelectual, con maiores riscos de deterioro cognitivo, fracaso escolar e polo tanto, de exclusión social. De feito, esta pegada é tamén física, xa que varios estudos constataron que a pobreza infantil repercute negativamente no desenvolvemento cerebral, ligado a un peor crecemento da materia gris, o que evidencia a irreversibilidade dalgunhas das consecuencias.

As familias que están en dificultades económicas, ao primar esta circunstancia sobre o resto das necesidades, non poden atender aspectos tan importantes como a estimulación cognitiva do neno ou nena, hai maior tensión no fogar, estrés... Os efectos da pobreza infantil non son unicamente a nivel de malnutrición ou enfermidades polas condicións ambientais, senón que repercute nos seus resultados educativos -ao cansazo e á preocupación pola situación do fogar únese o cansazo físico por unha alimentación deficiente­- e isto redunda en peores oportunidades laborais na idade adulta.

A nivel de saúde mental, diversos estudos apuntan a que as persoas que sofren pobreza na nenez presentan con maior frecuencia depresión, problemas de seguridade, trastornos de ansiedade ou inestabilidade emocional.

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia no seu compromiso co benestar e a saúde da cidadanía considera clave a loita contra a pobreza infantil e apela a que se apliquen políticas de carácter estratéxico a longo prazo e non improvisadas. Cómpre levar o debate  máis alá de se abrir ou non os comedores escolares no verán para garantir unha comida completa ao día: unha medida transitoria e estigmatizadora, pero que non ofrece un camiño. A saída pasa por ofrecer mecanismos contra a pobreza e a exclusión, e que a loita contra a pobreza sexa integral, cunha aposta decidida e non simbólica das Administracións a través de políticas públicas suficientemente dotadas economicamente para permitir que os nenos e nenas deixen esta situación de pobreza, xunto con medidas que palíen de inmediato o dano que está a provocar nesta crecente problemática social. É máis, este investimento tería un claro retorno económico, de acordo coas investigacións do Premio Nobel de Economía, o profesor James J. Heckman, Premio Nobel de Economía. A coñecida como "Ecuación de Heckman" conclúe que o investimento no desenvolvemento durante a primeira infancia contribúe ao impulso do crecemento económico da comunidade, xa que implica un aumento do rendemento escolar e unha redución dos custos da educación compensatoria, da saúde e do sistema da xustiza penal. Segundo Heckman, canto antes se realice o investimento, maior será o seu rendemento na educación, na saúde e na produtividade.

Unicef sinala que a dotación orzamentaria en España dirixida á infancia caeu en 6.370 millóns de euros desde 2010, mentres foi medrando a magnitude do problema, a medida que se incrementaban as taxas de desigualdade e a vulnerabilidade dunha parte importante da poboación. Isto fai evidente o escaso peso da infancia nas decisións políticas, polo que é preciso un Pacto de Estado pola Infancia que implique a todos os actores sociais, co fin de avanzar na aplicación dos dereitos dos nenos e nenas, e loitar en favor da igualdade e contra a pobreza infantil. Unha coxuntura que se agravou coa crise económica e co recorte dos recursos de protección social, pero que antes de 2008 xa se mantiña por riba do 21%, co que podemos cualificalo como un problema estrutural.

Más información:  Documento adjunto

Fonte: Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 21 agosto 2015

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org

Â