Conde avoga pola "innovación e o talento" como base para construír a economía galega da próxima década
Destaca a importancia do talento dos profesionais galegos “na marcha da economía”, con exemplos como a próxima chegada de Diego Martínez, mellor físico xoven de partículas de Europa que desenvolverá na Comunidade a súa carreira
Resalta o papel da Estratexia de Especialización Intelixente e a Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0 para “reinventar a economía galega” crecendo e xerando emprego
Alienta a cooperación público-privada como chave para desenvolver proxectos innovadores
Ubliña as facilidades que ofrece a Lei do Emprendemento para a apertura de novos negocios, ao eliminar a necesidade de licenza municipal impulsando a actividade económica
Posta pola internacionalización do tecido empresarial galego, especialmente das pemes, para crecer e gañar tamaño
José Mª Arrojo, Francisco Conde y Antonio Macho
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, avogou o 10 de abril de 2015, no marco dunha conferencia impartida con motivo da conmemoración do 20º aniversario da Unión Profesional de Galicia, por potenciar a “innovación e o talento como clave para construír a economía galega da próxima década”. Neste contexto, o titular de Economía e industria resaltou a importancia do talento dos profesionais galegos “na marcha da economía” da Comunidade, con exemplos como a próxima chegada de Diego Martínez, mellor físico xoven de partículas de Europa, que desenvolverá na Comunidade a súa carreira. Unha chegada que, segundo lembrou, se produce no marco da Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, que define a “folla de ruta da innovación en Galicia durante a próxima década”.
Esta Estratexia, explicou Conde, xunto á Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, configúranse como os dous eixos sobre os que “reinventar a economía galega”, “traballando no presente a través de apoios ao financiamento, ao solo empresarial ou á simplificación normativa”, e planificando o futuro a través dunha “innovación público-privada que consolide os sectores estratéxicos”. Neste eido, Conde salientou a aposta por Galicia de grandes multinacionais como PSA Peugeot Citroën, Repsol, Gas Natural Fenosa ou Everis, que están a por en marcha Centros Mixtos de Investigación.
Sobre a Axenda da Competitividade, o conselleiro subliñou que esta aspira a sentar as bases para a modernización industrial da Comunidade a través do equilibrio dos sectores tradicionais e os de futuro, e a hibridación multisectorial para xerar sinerxías entre sectores; do fomento da cultura da innovación; e impulsando a fábrica intelixente. “Unha factoría automatizada capaz de xestionar a produción, a compra de enerxía e ata a loxística, cunha convivencia constante entre robots e humanos, e capaz de facer unha produción ultrapersonalizada”, incidiu.
A Axenda, proseguiu Conde, conta entre os seus obxectivos apoiar a saída ao exterior das compañías galegas. Unha internacionalización que, segundo subliñou, configúrase como outro das claves para consolidar o crecemento, e na que están a xogar un papel moi importante as grandes empresas de Galicia actuando como elemento tractor para que as pemes galegas poidan “saír máis e mellor ao exterior” e gañar tamaño.
Así mesmo, o titular de Economía e Industria avogou por seguir a impulsar o emprendemento, “facilitando o camiño daqueles que teñen boas ideas”. Neste sentido, lembrou as facilidades que ofrece a Lei do Emprendemento para a apertura de novos negocios, ao eliminar a necesidade de licenza municipal impulsando deste xeito a actividade económica.
“Galicia estase a definir con talento, con esforzo, e sobre todo con vontade: a vontade de superarse permanentemente, de esforzarse canto sexa necesario, e a vontade de ter éxito”, concluíu.
Fuente: www.xunta.es ,
http://www.xunta.es/notas-de-prensaFoto: Xoán Álvarez